Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A UNIÓN DE AUTÓNOMOS DENUNCIA OS CONCELLOS DO SALNÉS POR "PERMISIVIDADE"

Turismo tomará medidas contra a proliferación ilegal de furanchos

Máis de 700 estabelecementos funcionan na provincia de Pontevedra servindo viños e comidas sen permiso nin licenza ningunha, pero atraendo cada vez máis visitantes dispostos a gozar do encanto dos furanchos. Viño novo, hospitalidade, se cadra unhas racións do día... e un perigo para o sector hostaleiro, que dende hai anos se vén queixando da "competencia desleal" que supoñen estes locais, que empezaron a funcionar para vender os excedentes de viño das bodegas, pero que agora convertéronse en auténticos bares e restaurantes que non pasan por regulamento ningún nin pagan impostos para funcionar como tales. O Director Xeral de Turismo, Rubén Lois, comprometeuse esta semana cos representantes hosteleiros a tomar medidas contra os furanchos.

- 10:55 13/07/2006
Tags:

Só na comarca do Salnés hai máis de 70 furanchos, grazas á "permisividade" que segundo a Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia manteñen os concellos desta comarca con este tipo de locais. De feito a UPTA vén de presentar unha denuncia contra os concellos de Cambados, Meis, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo, logo de comprobar un incremento na actividade dos furanchos coa celebración de comuñóns, bautizos e outros banquetes que lles achegan uns ingresos que perden os estabelecementos legalizados e dedicados a este tipo de eventos.

Previamente os hostaleiros reuníranse co Director Xeral de Turismo, Rubén Lois, que lles asegurou que tomaría medidas unha vez presentadas estas denuncias nos concellos. A consellaría posúe datos de que en toda Galiza pode haber uns 700 furanchos, "algo que nos deixa atónitos", asegurou Lois, quen engadiu que son "consecientes da competencia desleal" que estes estabelecementos supoñen para a hostalería pontevedresa.

Por outra banda están quen defenden a tradición destes lugares como parte do noso patrimonio, e nos últimos anos o propio sector estase asociando para defenderse dos ataques que lles choven cada vez con máis dureza, a consecuencia do crecente éxito dos furanchos sobre todo entre os visitantes da zona. Mesmo están a ampliar a tempada tradicional, que antes era no inverno e a primavera, até o verán. Iso si, de tapadillo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: