Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Outros días da patria

Hai máis nacións sen estado con cadanseu Día da Patria e a súa correspondente peculiaridade. Velaquí tedes uns cantos exemplos de xornadas de exaltación nacional...

- 08:02 24/07/2002
Tags:

ASTURIAS (Asturies)

O día oficial da patria asturiana, fixado no seu Estatuto de Autonomía, é o 8 de setembro, festividade da Virxe de Covadonga. Celébranse diferentes actos institucionais e tamén de reivindicación política. Ata o de agora os partidos asturianistas sempre se manifestaron separadamente. Parece que este ano -2002- poderían facer unha mobilización conxunta.

Sen embargo, os asturianistas prefiren a data do 25 de maio para celebrar o Día da Nación Asturiana. Nese día de 1808, en plena invasión napoleónica, a Junta General do Principado decide declararse soberana, formar o Exército Defensivo Asturiano e enviar embaixadores ao Reino Unido a concertar unha alianza militar contra a Francia de Napoleón Bonaparte.

Un amplo colectivo de persoas e organizacións sociais organizan durante a xornada un ‘Llevantamiento popular’ en lembranza da sua soberanía perdida. No pasado mes de maio, a Delegación do goberno en Asturias boicoteou os festexos alegando que os permisos non eran válidos por estar escritos en asturianu.

BRETAÑA (Breizh)

Na Bretaña francesa non hai instuticionalizado un día da patria como tal, pero os bretóns organizan un concorrido Festival Intercéltico de Lorient que lles serve para reafirmar a súa identidade cultural, ao mesmo tempo que confranternizan con outros pobos celtas invitados ao certame. Case sempre hai representación galega.

CATALUÑA (Catalunya)

A primeira lei aprobada polo parlamento catalán, ao constituirse en 1980, foi a que declaraba o ‘onze de setembre’ festa nacional de Cataluña, coñecida tamén como a ‘Diada’. Nese día de 1714, Felipe V prohibía o uso da lingua catalana nos documentos oficiais e impoñíase o castelán. Así que o que se rememora en realidade é unha afronta histórica.

Na Diada adoitan celebrarse diversos actos institucionais e políticos pero os máis importantes son a concentración en Barcelona diante do ‘Fossar de les Moreres’, o lugar no que permanecen soterrados os heroes cataláns que morreron o 11 de setembro a mans das tropas do Rei español; e a ofrenda floral na estatua de Rafael de Casanova, que encabezaba a resistencia catalana no momento da súa caída.

Os cataláns nacionalistas colgan ‘senyeres’ dos balcóns das casas e a capital énchese de concertos de música autóctona, ademais doutras convocatorias culturais entre as que destacan a concesión dos premios Altaveu, en recoñecemento ás persoas ou entidades que traballan en favor do catalán.

CURDISTÁN

Cada 21 de marzo, co comezo da primavera, os curdos celebran a festa do Newroz, que significa literalmente ‘Novo Día’. Co Newroz conmemórase a chegada dun novo ano e o nacemento mitolóxico do pobo curdo. A xente sae ás rúas para cantar, bailar arredor das fogueiras, nun rito moi semellante á nosa noite de San Xoán.

O Newroz está prohibido en Turquía, onde viven case a metade dos 30 millóns de persoas que forman o Curdistán, un territorio sen estado que tamén abrangue Irán, Irak e Siria. A pesares da represión da policía, milleiros de persoas celebran o Newroz, cambiando de sitio cada vez que os interrompen as forzas do orde. Ao parecer, a xornada remata con múltiples detencións.

ESCOCIA (Alba)

O pobo escocés ten a súa celebración patriótica o 30 de novembro, día de Santo André. Desde épocas medievais, a cruz en forma de xe sobre a que supostamente foi crucificado o André, é o símbolo nacional escocés. Una vella lenda conta que no ano 832, o rei escocés Angus pediulle axuda a St Andrew mentres libraba unha batalla contra o exército de Northumbria. O Santo respondeulle coa imaxe da cruz diagonal proxectada sobre o ceo azul. Isto animou ás tropas escocesas e gañaron a batalla.

O día de St Andrew celébrase con comida tradicional, gaitas autóctonas, danzas e, por suposto, con bo güisqui escocés.

Nos últimos anos, o apóstolo de Cristo está a ser desplazado por Robert Burns, o gran poeta escocés. Coincidindo co seu cumpreanos, o 25 de xaneiro celébrase a Night Burn´s, na que se adoita comer 'haggis', un prato típico a base de año, aderezado con poesía.

FRIUL (Friûl)

Friul é unha pequena rexión de Italia que posúe lingua románica propia e desexos de autonomía. O 3 de abril de 1077, o emperador Indri IV constituiu oficialmente o estado friulán, segundo os ritos feudais, como premio á lealtade do pobo.

Cada 3 de abril, o movemento cultural e político friulán rememora a data da constitución da súa nación coa relectura da bula de Indri IV, con música e danzas furlanas, manifestacións e mesas redondas nas que reivindican a súa autonomía. Tamén é habitual a exposición pública da bandeira turquesa coa aguia amarela, emblema do patriarcado de Aquileia, do que se declaran herdeiros. A organización dos actos corre a cargo do Institut Ladin-furlan, un centro cultural que defende a lingua autóctona do Friul.

GALES (Cymru)

David é o santo patrón de Gales e a súa festa celébrase o 1 de marzo. Nese día, os galeses levan no chapeu narcisos ou porros. Ao parecer, nunha famosa batalla contra os saxóns, o San David (en galés Sant Dafis) aconselloulles levar follas de porros para distinguilos dos seus inimigos e a tradición chegou ata hoxe.

Un dos eventos máis importantes dese día é o concerto de corais masculinas, formado para a ocasión, no St Davis Hall de Cardiff (Caerdydd, a capital). En galés, claro. Nas escolas, os nenos e nenas acuden vestidos cos traxes tradicionais e bailan danzas galesas.

Ademais, os galeses celebran anualmente o festival de Eisteddfod, un antiquísimo festival de poesía que recupera a tradición dos druídas e dos bardos celtas.

PAÍS VASCO (Euskal Herria)

Desde 1932, o pobo de Euskadi afirma a súa nación de xeito colectivo e pacífico coa celebración do Aberri Eguna. O ‘Día da Patria’ coincide co domingo de Resurección e xurdiu a imitación do movemento irlandés, nun intento de promover a resurrección política do sentir nacionalista. A primeira convocatoria consistiu nunha manifestación en Bilbao que rematou na casa natal de Sabino Arana.

O PNV retomou a organización do Aberri Eguna en 1964, tras o parón motivado pola Guerra Civil. Discursos, manifestos e moita festa na rúa, organizada en torno ás barracas políticas denomindas ‘txoznas’, converten a xornada nunha das máis populares e multitudinarias do País Vasco. Desde hai anos os partidos nacionalistas celebran este día por separado.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: