Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Silvio Falcón

A diáspora e a emigración

13:12 31/03/2008

Moitas veces confundimos conceptos. A influencia que exercen os poderes públicos e a meirande parte dos medios de comunicación sobre a concepción dos galegos no exterior é moito maior do que moitas veces nos paramos á pensar. Cando pronuncia alguén as palabras "emigrante","emigrar" ou "Galiza exterior" o imaxinario colectivo dos residentes no país tende á recordar tan só dous aspectos (negativos): a fraude que representan as eleccións nas que participan os inscritos no CERA e, por outro lado, as imaxes en branco e negro de xente antes de embarcar na aventura de marchar da terra nai. Dos procesos democráticos no exterior teño pouco que dicir; apoio a mellora da calidade do voto no exterior, mais penso que, moitas veces, hai un déficit de información por culpa dos propios políticos e do pouco vencellamento con Galiza con algúns dos netos de galegos que aínda conservan dereito a voto. Mais iso, por moito que se teorice, son cuestións políticas. A onde quero chegar eu é ao outro tema; á iconografía (aínda perdurable) sobre a Galiza exterior.

Todos coñecemos a foto que Manuel Ferrol lle fixo a Manuel Ángel Calo Marcote (coñecido como O Jurjo) no porto da Coruña, mentres vía como despedían del a súa nai e mais dúas irmás (que ían camiño de Bos Aires). Ao seu lado, tiña abrazado a el ao seu fillo Xoán, de 6 anos, que está á chorar coa mesma intensidade que O Jurjo. Dende o punto de vista fotográfico, a foto é ben representativa da realidade do momento; dunha emigración forzada polas circunstancias, polas dificultades pra saír adiante. Chegados ata aquí, non habería ningún tipo de problema.

 

As consecuencias desta imaxe (e de todo o que comporta, evidentemente), a día de hoxe, son devastadoras (aínda sabéndome eu un devoto da arte fotográfica e máis desta fotografía en concreto). Son devastadoras, repito, porque á xente de Galiza xa non se lle ocorre pensar nos emigrantes como alguén que vive noutro sitio, conservando a súa identidade e espallándoa polo mundo, senón que os consideran simplemente como un residuo histórico de tempos peores. É por iso que compre espallar a idea de diáspora.

 

A diáspora, sería, esa xente galega, de orixe, devoción ou nacemento que, estando espallada por todo o mundo, transmite esa mensaxe, esas raíces, ese amor, esa morriña e tantas outras cousas e sentimentos aos que alí o rodean. Galiza, por tanto, vive alí onde vive un galego. Había quen decía que, en Barcelona, onde eu resido, podíase vivir única e exclusivamente en galego. E, a verdade, eu non llo nego, mais eu non optarei por esa opción. Sempre emocionan eses ollos extrañados dalgún catalán que che pregunta pola túa condición, polo teu país; polo teu. ¿Se naciches en Esplugues de Llobregat como vas ser galego?¿Falas galego na casa?¿Existe unha ortografía, sintaxe e diccionario en galego?¿Cómo que fas radio en galego en Barcelona?. E de feito, contarlles todo isto é contarlle unha historia de vida; un proceso decisorio, vital (onde tamén está o momento de marchar da terra , mais non o é todo) e, sobre todo, consciente da identidade persoal con respecto ao colectivo.

 

En conclusión, emigrantes son aqueles que marcharon e só gardan sentimentos negativos no seu interior, moitas veces movidos pola morriña, pero que nunca se adaptaron ao paso dos anos. A diáspora somos aqueles que, aínda que tivemos que marchar, construimos Galiza ali onde vamos; sen caer na construcción de ghetos, mesturándonos e enriquecéndonos do que vemos alén das nosas fronteiras. Desta forma, temos a difícil misión pedagóxica de facerlles saber a cataláns, arxentinos, españois, franceses etc que somos galegos. Mais, desafortunadamente, tamén llo temos que explicar á meirande parte dos galegos.

4,81/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Naceu en 1989, en Esplugues de Llobregat (Barcelona). Estuda Ciencias Políticas e da Administración na Universitat de Barcelona. É Responsábel Local de Galiza Nova Barcelona e dirixe o programa de radio de ERGAC (Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya) "Barcelona Atlàntica", en Ràdio Trinitat Vella. Está vencellado a outros movementos do tecido asociativo galego en Catalunya como pode ser o Foro Civico Galego de Barcelona e Rede.cat. No ámbito literario foi finalista do X Premi de Redacció Breu Joan Santamaria. Tamén mantén a bitácora Cando os outros calan. »



Anteriores...