O 2010 será crucial para a determinación da política da UE en materia de alargamento. Hoxe en día, tres países gozan do status formal de candidatos, sendo estes Croacia, a Antiga República Iugoslava de Macedonia (ARIM) e Turquía. Ademais, a Comisión Europea recomendou empezar as negociacións coa ata agora euroescéptica Islandia, que acaba de solicitar a súa adhesión.
Probablemente, o 28º Estado membro da UE será Croacia, coa que Bruxelas comezou as negociacións en 2005. Dos 35 capítulos para a negociación, abríronse 28, dos cales 17 pecháronse provisionalmente. Segundo Diego López Garrido, Secretario de Estado español para a UE, o obxectivo da actual presidencia semestral española é concluír as negociacións neste ano.
Pode que Croacia atópese na recta final do seu ingreso na UE, pero no camiño aínda quedan varios obstáculos. A primeira preocupación de Bruxelas é a escasa cooperación entre Croacia e o Tribunal Penal Internacional para a Ex Iugoslavia. De momento, parece que os esforzos croatas para a persecución dos culpables de crimes de guerra avanzaron notoriamente, pero aínda persisten serios problemas en canto á postura de Zagreb e, sobre todo, á tardanza na entrega dos documentos necesarios.
Outro asunto grave é a corrupción. Co alargamento en 2007, ingresaron Bulgaria e Romanía, onde as elites políticas e a administración pública están igualmente afectadas polo problema. Agora Bruxelas amósase máis sensible nesta cuestión e, por non querer repetir o mesmo erro, esixiu ao Goberno croata unha postura contundente neste problema.
Non se poden esquecer tampouco os aspectos económicos de harmonización da lexislación croata coa europea. Neste sentido, resalta a prohibición comunitaria de axuda estatal, por exemplo, á industria naval croata, así como a difícil tarefa de privatización de empresas públicas, que pode provocar tensións internas en Croacia.
Doutra banda, apréciase unha actitude ambivalente da propia UE con respecto ao alargamento. A pesar de que Bruxelas segue negociando cos países candidatos, é notorio un certo receo cara á admisión de novos membros. En gran medida, isto pode explicarse ante a decepción causada pola última ampliación, a frustración produto da crise económica e o difícil momento para a reforma das institucións da UE, trala entrada en vigor do Tratado de Lisboa.
Ademais, cómpre ter en conta que a adhesión dun novo membro, en moitos casos, depende das relacións bilaterais que este mantén cos demais países membros. Efectivamente, as negociacións entre Zagreb e Bruxelas estiveron conxeladas durante dez meses, por razón dunha disputa fronteiriza entre Croacia e Eslovenia, este último país membro da UE.
No caso islandés, está pendente o asunto de indemnización debida ao Reino Unido e aos Países Baixos pola quebra do banco Icesave. No caso macedonio, existe unha forte controversia histórica, principalmente con Grecia, sobre o recoñecemento do seu nome oficial. Finalmente, en canto a Turquía, débese afrontar a gran diferenza de valores fundamentais, esencialmente de carácter cultural.
Agora ben, na actualidade, o alargamento da UE é unha cuestión aberta só para Croacia e Islandia, e iso a pesar de que Islandia aínda non empezou as negociacións. Con todo, Reikiavick atópase nunha situación favorable ao ter aplicado a maior parte da lexislación comunitaria, polo que pode esperar que, no seu caso, o proceso de negociacións formais sexa relativamente curto.
No entanto, incluso tomando en serio as declaracións da presidencia española, sería optimista asumir que unha nova ampliación ocorrerá antes de 2012. É unha información importante para outros países balcánicos, como Albania, Serbia ou Montenegro, que teñen aspiracións europeas pero que, ante a desfavorable conxuntura dentro da UE, probablemente terán que agardar para facelas realidade.
Da Universidade de Lodz (Polonia) desenvolve as súas prácticas no Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) »