Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Mariló Candedo

Abandonando a retórica… sobre o novo decreto do plurilingüismo

14:15 26/03/2010

As últimas declaracións do Conselleiro de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística non poden ser máis esclarecedoras sobre as intencións do novo decreto do plurilingüismo.

O Conselleiro de Educación declara que o 60% dos centros imparte máis da metade das materias en galego e que a sociedade o rexeita. Aínda que resulta difícil outorgarlles credibilidade a estas afirmacións, cando menos permiten considerar novos interrogantes sobre o futuro da nova norma que pretenden aprobar.

O primeiro que cómpre sinalar é que os centros que foron dando pasos a prol do noso idioma fixérono desde o máis escrupuloso respecto á legalidade vixente e á traxectoria previsible neste ámbito, logo do pacto lingüístico promovido polo goberno do PP e acordado no Parlamento en 2004. Ningunha das normas anteriores a este anteproxecto, decretos do 95 e do 2007, sustentado este no devandito PXNLG, lle estableceron límites á promoción do galego no ensino, máis aló dos que se derivan da obriga de acadar competencias suficientes nas dúas linguas oficiais.

Se, por primeira vez na historia da normalización lingüística, se optase por lle poñer límites a esta promoción, estarase obrigando a eses centros e ás comunidades educativas de referencia a renunciaren aos obxectivos normalizadores que inspiraron os seus proxectos lingüísticos e educativos. É dicir, se o que di o conselleiro é certo, a nova norma porá fóra de xogo máis da metade dos centros e comunidades educativas deste país. Parece evidente que, por primeira vez, estamos diante dunha norma regresiva para a protección e a promoción do galego, o que sería contrario ao estipulado na LNL de 1983.

A cuestión do rexeitamento social a estes proxectos e á legalidade que os ampara forma parte do mantra de “imposición lingüística” ao que volven sen pudor para agocharen tanto o seu desleixo dos compromisos adquiridos co conxunto da cidadanía, plasmados no PXNLG, canto a falta de apoios á nova proposta normativa. Convén matizar aquí que a alta porcentaxe manexada na primeira das afirmacións pon en cuestión a existencia dunha maioría social que rexeite tales medidas. De ser certo habería moito máis “ruído” nas comunidades educativas e os representantes dos distintos sectores (familias, alumnado e profesorado) coidaríanse ben de demandar algo que non conta co suficiente apoio social.

Sobre as representacións e os apoios sociais é sabido que, en relación coas “Bases” presentadas a finais do ano pasado, o dato máis claro é xustamente o consenso en contra do texto. Respecto da nova proposta só hai dous colectivos que parecen agora satisfeitos, GB e a Concapa. Parece ser que para o goberno e o partido que o sostén o seu apoio xustifica o cambio da norma, toda vez que representa a voz inaudible da “maioría silenciosa”.

O Secretario Xeral de Política Lingüística acaba de reafirmarse no criterio do equilibrio de ambas as linguas, inamovible no enunciado actual da norma e no futuro, malia que as probas de avaliación de competencias en idiomas, que se prevén para as etapas de primaria e secundaria, constaten unha redución do coñecemento en galego. Non é sorprendente a afirmación, toda vez que a propia norma proposta despreza calquera dato obxectivo procedente de estudos sociolingüísticos sobre o uso do galego no ensino, ou sobre a perda de falantes, ou sobre as competencias lingüísticas en ambas linguas baixo modelos de discriminación positiva, ou de inmersión, na lingua máis necesitada de protección. Non se precisan máis datos que os procedentes da clarividencia destes gobernantes e da maioría silenciosa que os apoia. Dicía Bertold Brech que “quen descoñece a realidade é simplemente un ignorante, pero quen coñecéndoa a agocha ou a deforma é un miserable…”

Evidentemente, a norma proposta non nace para resolver un problema educativo ou social, senón para volatilizar calquera oportunidade de normalización para a lingua propia.

Non pretendo dar ideas, pero se a tradición é razón suficiente para o reparto das materias do currículo por linguas, a opinión dos pais ou nais cada catro anos é un criterio superior ao traballo de planificación lingüística asentada en criterios pedagóxicos dos propios centros escolares, e a liberdade lingüística lle dá cobertura á ignorancia, non acabo de ver a transcendencia que ten a presenza dun sociolingüista como responsable da acción política neste ámbito. Dígoo en aras das esixencias derivadas da austeridade.


Mariló Candedo Gunturiz é presidenta de Nova Escola Galega

4,84/5 (51 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Mariló Candedo Gunturiz., naceu en Medellín (Colombia) en 1960. É pedagoga e profesora de Pedagoxía Social na Facultade de Ciencias da Educación da UDC. Actualmente é presidenta de Nova Escola Galega, movemento de renovación pedagóxica, cunha ampla traxectoria na defensa da escola pública e da galeguización do ensino »